No lugar de Ribadeira, situado na aba sur do monte San Nomedio na parroquia de Rubiós, existen unhas cavidades rochosas de cronoloxía descoñecida escavadas na roca branda de xisto. Con teito abovedado, teñen unha lonxitude de entre dous e cinco metros. Antigamente pechábanse por diante cunha porta de madeira e a súa función era a de gardar o gando pequeno (cabras e ovellas que pastoreaban en semiliberdade polo monte de San Nomedio) así como os apeiros de labranza e pastoreo.
Os animais eran guiados cara as ladeiras do monte, todas as mañás polos rapaces da aldea, ante o perigo da aparición de depredadores como o lobo. Os mozos repartíanse o traballo de acompañar o gando por quendas, que se establecían segundo o número de casas.
Na actualidade son poucas as que se manteñen parcialmente intactas pois a maior parte delas foron derribadas polo tempo e a intemperie podéndose apreciar aínda a súa estrutura primitiva.